Procesado dixital das fotografías das pinturas
O estudo deste tipo de pinturas require duns medios técnicos moi específicos, que permitan controlar perfectamente a luz que se aplica sobre as estacións rupestres para poder obter uns resultados óptimos. O uso de diferentes lonxitudes de onda xunto co rexistro con cámaras multiespectrais ofrécenos unha visión moi completa do que aparece nas representacións pictóricas, cunha fiabilidade moi alta. Con todo, con cámaras convencionais e unha fonte de luz branca (natural ou artificial), tamén se poden obter bos resultados. O presente estudo realizouse sobre fotografías dixitais sen compresión, o que ofrece un bo rango de datos para traballar, pero non permite discriminar lonxitudes de onda nin espectros como o UV ou IR. Con todo, como as pinturas son visibles a primeira ollada, pódese observar o tipo de pigmento e axustar os parámetros do programa de interpretación para ese tipo de pigmento, magnificando a súa cor e permitindo diferenciar con máis claridade os motivos pictóricos.
Os espazos de cor utilizados foron personalizados, pero baséanse nos denominados YBR e LRE que utiliza Dstrecht baixo ImageJ, e interpretados polo algoritmo de calco dixital que utilizamos para resaltar as figuras. Para o presente traballo empregamos os espazos de cor adecuados para pigmentos vermellos con amplitudes comprendidas entre 7 e 15, polo que podemos dicir que as primeiras son moi fiables pero as segundas e sucesivas poden conter fallos de interpretación polo programa, xa que pode interpretar como restos de pintura cosas que non o son (afloramientos de óxidos, reflexos na roca de pezas de vestir, etc.).
No caso do Penedo Gordo, onde o rexistro xa estaba realizado, o estudo realizouse sobre imaxes de alta resolución obtidas mediante fotografía dixital. As imaxes orixinais presentaban restos moi débiles de pinturas rupestres de cor vermella que se podían ver a primeira ollada. O obxectivo foi comprobar se a aplicación de algoritmos de descorrelación de cor sobre estas imaxes podía revelar restos de pigmento de difícil observación ou mesmo imperceptibles, así como a obtención dun calco dixital que permitise estudar ditas pinturas e os motivos nelas representados con máis facilidade. Tras a observación preliminar das imaxes procedeuse a aplicar diversos filtros de contraste para poder observar mellor os motivos das pinturas. Unha vez recoñecidos a primeira ollada, foron tratadas coa aplicación da transformada de Karhunen- Loeve ( KLT), e posteriormente aplicamos os algoritmos apropiados en cada caso para magnificar as cores que nos interesa resaltar. No caso que nos ocupa, só atopamos pigmentos de cor vermella, con base de óxidos férricos, polo que se decidiu aplicar os espazos de cor YBR e LRE, con magnitudes comprendidas entre 10 e 15%.
Unha vez amplificados as cores e comprendido o motivo representado aplicouse o sistema de selección para calco dixital, consistente na interpretación colorimétrica de reflexión da luz sobre os pigmentos e as lonxitudes de onda que reflicten e quedan rexistradas no sensor da cámara. Este sistema permite obter os motivos diferenciados por tipo de pigmento e diferenciar motivos primarios (os que se pintaron intencionadamente sobre a roca) dos secundarios (que aparecen por migración debidos a escorrentía, principalmente, ou calquera outra causa).
No caso de Lobarzán, onde procedeuse a realizar o rexistro, a toma de imaxes foi máis complexa no caso dos Paneis 2,3, debido ás condicións do lugar no que se atopan as representacións, unha pequena galería que non permite unha toma frontal da totalidade dos motivos. Así inicialmente realizáronse varios estudos de composición en mosaico, para poder obter unha visión previa dos motivos presentes nas paredes. Finalmente o procesado fíxose sobre a composición fotográfica obtida para o levantamento fotogramétrico, traballando algúns aspectos sobre fotografía de detalle dalgún dos motivos. O proceso permitiu a identificación de novos motivos e a definición doutros anteriores, polo que podemos considerar altamente útil o proceso realizado.