A comarca de Monterrei, na provincia de Ourense, articúlase por volta do curso alto do val do río Támega, afluente do Douro, con características bioclimáticas singulares con respecto ao resto de Galicia. Este territorio arraián con Portugal, presenta unha enorme riqueza en recursos naturais e culturais, aínda pouco coñecidos: os seus mananciais termais, a súa vexetación e fauna con características mediterráneas que crean condicións óptimas para os viñedos, ceos nocturnos nos contaminados, e tamén numerosas fragas e penedos, característicos desta paisaxe e cargadas de historia, baixo a vixía nos altos dos seus castelos, como os de Cabreira ou Lobarzán en ruínas, e a sempre maxestosa silueta da fortaleza de Monterrei.
Estas terras foron ocupadas dende a prehistoria, do que dan evidencia abundantes restos arqueolóxicos espallados pola comarca. Asemade e de xeito excepcional, as paredes de dous penedos quedaron marcadas cunha feble pintura vermella que resistiu o paso do tempo mais de catro mil anos. En Galicia coñécense apenas cinco lugares con pinturas rupestres, e dous deles están na comarca de Monterrei.
Convidámosvos á descuberta destes dous sitios con pinturas rupestres prehistóricas, que ficaron conservados xunto a valiosas evidencias da súa ocupación, e que debemos protexer para as xeracións futuras.
José Luis Suárez Martínez
Presidente da Mancomunidade dos concellos da comarca
As superficies rochosas da comarca de Monterrei conservan mostras relevantes de arte rupestre. Coñecíanse abundantes manifestacións gravadas, pero só nos últimos tempos, ven de identificarse pintura rupestre nas paredes de dous penedos significativos: O Penedo Gordo, e o Penedo do Gato. Porén, os lugares non sempre teñen un acceso doado, e as pinturas non facilmente lexibles a simple vista. Asemade, o chan inmediato contén importantes informacións sobre as comunidades que deixaron estas testemuñas gráficas, que deben ser preservadas pola súa importancia histórica e científica.
Agora, a través desta contorna virtual, as persoas que o desexen poden achegarse dende os seus dispositivos (PC, tablet, teléfono…) dun xeito sinxelo e con informacións xeradas para este medio.
A nosa cordial benvida a esta contorna virtual!
O equipo do Proxecto PreMedia