O obxectivo xeral do proxecto PreMedia1 está relacionado con varias manifestacións rupestres de arte prehistórico, concretamente dentro da tradición da denominada pintura rupestre de tradición Esquemática, que comeza coas primeiras comunidades agrícolas e gandeiras e aparece, con manifestacións tanto gravadas como pintadas, en amplas zonas de Europa e na Península Ibérica. Esta tradición rupestre é caracterizada pola representación de motivos xeométricos, xeralmente obtidos a partir de liñas con ángulos rectos, manchas de puntos e aliñacións de barras verticais, acompañados pola figura humana reducida aos seus trazos máis elementais, e ocasionais representacións de cuadrúpedes, figuras solares, etc. En xeral, caracterízase pola simplificación formal, polo uso de trazos lineais, xeralmente monocromos e en tinta plana, aplicados directamente coa xema do dedo (dixitación), ou con trazos mais finos. A cor máis empregada é a vermella, obtida de pigmentos de uso mineral (óxidos de ferro) e aglutinados con auga ou algunha materia graxa. Os núcleos mais importantes desta tradición distribúense na área suroriental peninsular. No caso do noroeste peninsular, aínda que se coñecen sitios con Pintura Rupestre Esquemática (PRE) en Trás-Os-Montes (Portugal), Salamanca, Zamora, León e Asturias, non eran coñecidos en Galicia. Na actualidade son 4 os enclaves no territorio galego: a Cova dos Mouros da Fontaneira (Baleira, Lugo), Pala de Cabras en Casaio (Valdeorras, Ourense), o Penedo Gordo (Vilardevós, Ourense) e finalmente Penedo do Gato, no conxunto arqueolóxico de A Ceada das Laxes das Chas/Castelo de Lobarzán (Oímbra/Monterrei, Ourense).
Este proxecto ten como obxectivo o de difundir estes dous enclaves do val do Támega, localizados fóra do ámbito xeográfico tradicionalmente tratado nos estudos sobre a arte rupestre galega, peninsular e europea, mediante a realización de visitas virtuais con diversos recursos interpretativos, de xeito que se minimice o impacto físico sobre os xacementos.
O Penedo Gordo (Fumaces-A Trepa, Vilardevós) é un afloramento rochoso cuarcítico exento no que en 2017 foron localizadas pinturas. As sondaxes arqueolóxicas realizadas no 2018, no só permitiron verificar a presenza de pintura rupestre do estilo esquemático, integrable nun período entre o Neolítico Medio e o Neolítico Final (non sendo descartable unha cronoloxía anterior), senón a existencia de diversos depósitos arqueolóxicos estruturados estratigraficamente e en relación inmediata coas paredes pintadas deste penedo.
Pola súa banda, a cova do Penedo do Gato do Castelo de Lobarzán (Vilaza, Monterrei), é unha cavidade granítica de bloques que se ubica na aba do Monte Castelo, localizada de xeito casual en 2018 e comunicada durante os traballos de preparación do proxecto de intervención arqueolóxica promovido polos concellos de Oímbra e Monterrei no marco dun convenio coa Universidade de Vigo.
A identificación de dous sitios con pintura esquemática holocena no val de Monterrei, e sobre distintos soportes rochosos (cuarcita e granito), así como os depósitos arqueolóxicos vinculados, supoñen un fito na historiografía da arte rupestre galega e poñen de relevo a importancia da área transfronteiriza Galicia/Tras-ós-Montes a nivel das manifestacións de diferentes tradicións de arte prehistórico. Non obstante, tamén supoñen un importante reto en canto á difusión e á protección física destes bens, xa que se trata de manifestacións de difícil observación e comprensión. Diversas experiencias previas de sinalización destes enclaves, sen unha adecuada estratexia, teñen derivado nun acusado deterioro destes conxuntos. O factor de afección mais importante é o antrópico, xa que son bens vulnerables fronte a actos vandálicos e ao desenvolvemento de malas prácticas asociadas a visitas incontroladas, así como o feito de atoparse nun medio forestal que o expón aos riscos provocados polos incendios forestais.
Dende o punto de vista patrimonial, a Lei 5/2016 do Patrimonio Cultural de Galicia, Capítulo IV, Artigo 94, sobre a Natureza e Protección dos Bens Arqueolóxicos, establece que son bens de interese cultural as covas, abrigos e lugares ao ar libre que conteñan manifestacións de arte rupestre. Actualmente está en proceso a declaración específica como BIC (Ben de Interese Cultural) do conxunto de lugares con pintura esquemática en Galicia.
Consideramos que a protección destes xacementos pasa pola necesidade de involucrar á comunidade local no maior coñecemento e posta en valor destes xacementos e avaliar os resultados das actuacións que se desenvolven, así como a organización dunha mesa de traballo entre os distintos axentes sociais e organismos.
Neste senso, este proxecto supón tamén unha primeira toma de contacto e exploración en canto á integración do traballo arqueolóxico/patrimonial e o etnográfico a través do subproxecto PREMedia2, propiciando unha labor de diagnose social que senta as bases necesarias para a activación dos recursos patrimoniais da comarca.
EQUIPO PreMedia
Coordinación Científica: Beatriz Comendador Rey (GEAAT, Uvigo)
Dirección Proxecto PREMEdia 1_Creación dunha contorna virtual para á interpretación patrimonial de sitios con Pintura Rupestre Esquemática da comarca de Monterrei:
Beatriz Comendador Rey (GEAAT, Uvigo)
Equipo Uvigo-PreMedia1. Elena de Uña, Andrea Mouriño
Fotografía, Rexistro e tratamento Dstrecht: B. Comendador (GEAAT, Uvigo) e L. Bacelar Alves (CEAACP – Universidade de Coimbra)
Tratamento fotográfico pinturas: David Hernández, ARBOTANTE
Fotogrametría, xeración da contorna virtual: Benito Vilas, ÁRBORE
Fotografías 360º: Roberto Cabeceira. Xeométrica
Imaxes DRON e montaxe vídeos: Víctor Vázquez
Ilustracións: MeliMolita. Manuela Elizabeth Rodríguez
Música: Marcos Mato Collazo Percusión: Marcos Pérez Saburido (Kinhos)
Dirección Proxecto PreMEdia 2 Estudo etnográfico do sitio con arte rupestre de Penedo Gordo e deseño de ferramentas de avaliación interpretativa
Fátima Braña (Área Antropoloxía, Uvigo)
Equipo PreMedia 2. María Dapía Conde, David Casado Neira
Realización de entrevistas: Fátima Braña Rey e Alba Sousa e Silvia Pérez
Deseño WEB: Beatriz Comendador, Óscar Penín
Agradecementos
O proxecto PreMedia foi financiado na convocatoria INOU20 da Vicerreitoría do Campus de Ourense da Universidade de Vigo, con financiación da Deputación de Ourense.
A Dirección Xeral do Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia promoveu e financiou a Intervención Arqueolóxica no Penedo Gordo/Penedo da Moura (Feilas, Fumaces e A Trepa, Vilardevós, Ourense) Expediente Servicio de Arqueoloxía: 02.O.390.2018.001. Código SXPA: ED 102A 2018/502-0 e autoriza o seu emprego dos materiais derivados con fins divulgativos e educativos no marco do Proxecto PreMedia.
Queremos amosar o noso agradecemento ás persoas que fixeron posible a identificación das pinturas: Bruno Rúa, José Luis Lozano, Rubén Gayoso e J. Ramón Reigada no caso do Penedo Gordo, e por J. Luis Arias, J. Antonio Martín, Jacinto e J. Carlos no caso de Lobarzán; á Comunidade de Montes e veciñanza de Feilas/A Trepa, especialmente a Ignacio Covelo Parada, María Covelo Calvo e a súa familia; e á Comunidade de Montes Ladairo, Castelo e Camiño Vello, e Comunidade de Montes de As Chás; aos concello de Vilardevós, Monterrei e Oímbra; á equipa de traballo dos proxectos de Penedo Gordo e Lobarzán; a Olga Kirk, Asociación Cultural Donaire; a Edgar Núñez e Lola da Reitoral da Chaira; a Pablo Martínez Alemparte, Raquel Queizás, Asociación Portas Abertas-Centro de Desenvolvemento Rural (Vilardevós), Juan Carlos Durán, e a Jesús de Juana.
A toda a veciñanza da comarca de Monterrei.