Ata o 2017 non se atopara pintura rupestre esquemática no territorio galego, aínda que si era coñecida nas rexións limítrofes. A busca no territorio transfronteirizo do sur da provincia de Ourense comezara hai máis dunha década, no marco do Proxecto Urdiñeira (INOU2009), no que se considerou a posibilidade de localización deste tipo de manifestacións rupestres, tendo en conta a idea da continuidade xeográfica e a presencia de manifestacións na veciña Sierra de la Culebra, ou os xacementos do norte de Portugal, como os da Serra de Passos en Mirandela.

As manifestacións de arte rupestre gravado foron crecendo, debido á realización de novas prospeccións, á difusión dos achados, e á actividade intensa de diversos axentes da comarca. Foi así que en outubro de 2017, Bruno Rúa, informou da aparición dun grupo de “puntiños vermellos” nun penedo de Feilas, no concello de Vilardevós.

Fotografía enviada por B. Rúa o 22 de outubro de 2017, sinalando “unhas marcas que de ningunha maneira parecen naturais” na superficie do Penedo Gordo

Visitado o lugar por Beatriz Comendador e confirmado o carácter prehistórico das pinturas, foi comunicado á Dirección Xeral de Patrimonio o 28 de outubro de 2017, nun informe cunha descrición sucinta do enclave e unha primeira valoración do mesmo. A Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia solicitou á Universidade de Vigo, a elaboración dunha proposta de actuación, que contemplase unha actuación arqueolóxica dirixida esencialmente ao rexistro dos paneis e á realización de sondaxes valorativas para calibrar a súa potencialidade arqueolóxica.  A intervención de campo foi realizada no 2018, nunha intervención promovida e financiada pola Dirección Xeral do Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia, a través dun contrato coa Universidade de Vigo (Expediente Servicio de Arqueoloxía: 02.O.390.2018.001. Código SXPA:ED 102).

A Dirección Xeral do Patrimonio Cultural autorizou o emprego dos materiais xerados nesta intervención, con fins divulgativos e educativos no marco do Proxecto PreMedia.

Posteriormente, no 2018, comezaron os traballos preparatorios da intervención arqueolóxica no conxunto arqueolóxico e natural de A Ceada das Chás/Castelo de Lobarzán ao abeiro do convenio establecido entre a Universidade de Vigo e os concellos de Oímbra e Monterrei. En 2018, no marco deses preparativos, axentes activos da comarca comunicaron a presenza de pinturas nunha cavidade da aba norte do Castelo, localizada por veciños de O Rosal e Casas dos Montes (J. Luis, J. Antonio, Jacinto e J. Carlos).

Fotografía enviada por J.Luis Arias (3 xuño 2018)

Visitado o lugar por V. Rodríguez Muñiz, N. Amado e B. Comendador, e identificadas como manifestacións inseribles dentro do eido da pintura de tradición esquemática, notificouse o achado á Dirección Xeral de Patrimonio o 15 de febreiro de 2019, nun informe cunha descrición sucinta do enclave e unha primeira valoración do mesmo[1].

No marco da primeira actuación desenvolvida no marco do Proxecto Lobarzán, foi realizada unha primeira unha actuación de rexistro arqueolóxico que permitiu identificar novas pinturas así como material arqueolóxico relacionado.

Para o desenvolvemento do proxecto PreMedia foi realizada unha intervención específica para obter unha mellor lectura destes elementos con vista á visita virtual que permitiu detectar algúns trazos novos de pintura, anteriormente non identificados[2] .

Tamén foron detectados indicios da presenza de intrusos na cavidade, que poñen de manifesto vulnerabilidade destes sitios fronte a actos vandálicos e ao desenvolvemento de malas prácticas asociadas a visitas incontroladas, polo que a visita virtual constitúe unha alternativa para a protección dos sitios reais, expostos a riscos diversos.

A Lei 5/2016 do Patrimonio Cultural de Galicia, Capítulo IV, Artigo 94, sobre a Natureza e Protección dos Bens Arqueolóxicos establece que “son bens de interese cultural as covas, abrigos e lugares ao ar libre que conteñan manifestacións de arte rupestre”. Actualmente, ambos sitios con manifestacións depintura rupestre continúan en fase de estudo e teñen aberto o expediente para a súa declaración específica como BIC, conxuntamente coas outras catro manifestacións de arte esquemático pintado coñecidas en Galicia.


[1]  Comendador Rey, B., Rodríguez, V., Amado, N. INFORME DE NOTIFICACIÓN SOBRE PINTURA RUPESTRE ESQUEMÁTICA DE CASTELO DAS CHÁS-LOBARZÁN (MONTERREI) (11/02/2019)

[2]  A intervención Limpeza dos paneis 2 e 3 da Cova das pinturas do Castelo de Lobarzán (Vilaza, Monterrei, Ourense) foi autorizada con data de 24 de xullo de 2020. Expte. S Arqueoloxía 02.O.432.2020.001, Código SXPA: CT 102A 2020/502-0. A actuación tamén foi realizada no mes de setembro, e posteriormente foi presentado o devandito Informe Valorativo da intervención (segundo se estipula no Artigo 61 da Lei 8/1995 do 30 de outubro do Patrimonio Cultural de Galicia e no Capítulo II, artigo 6º do Decreto 199/1997, do 10 de xullo, polo que se regula a actividade arqueolóxica na Comunidade Autónoma de Galicia).